Renovamos por completo o parque infantil da Alameda

por Administrador · 09 de agosto de 2026

O goberno local que encabeza o alcalde socialista Francisco Pérez investirá 66.997 euros na renovación integral do parque infantil da Alameda, con novo pavimento de seguridade, xogos accesibles e un prazo de execución de cinco semanas.

O goberno municipal que encabeza o noso alcalde, Francisco Pérez, investirá 66.997 euros (IVE incluído) na renovación integral do parque infantil da Alameda, un dos espazos de xogo máis concorridos do municipio. As obras contan cun prazo de execución de cinco semanas e transformarán por completo este punto de encontro das familias noiesas.

A actuación comeza pola base: substituirase integramente o actual pavimento de caucho por unha nova superficie amortecedora adaptada á normativa europea de seguridade, para que os máis pequenos xoguen nunha contorna protexida.

O proxecto incorpora ademais novos elementos de xogo: unha montaña lúdica con zona de escalada e tobogán integrado, un carrusel adaptado para persoas con mobilidade reducida e un balancín con forma de tartaruga, xunto coa reparación dos elementos xa existentes. Apostamos así por un parque máis moderno, máis seguro e, sobre todo, máis inclusivo, no que ningún neno nin ningunha nena quede fóra do xogo.

Como salientou o alcalde, os parques infantís son "lugares de encontro para as familias". Con esta actuación, cuxo carácter integral destacou tamén o tenente de alcalde, Manolo Seijas, damos un paso máis no compromiso do goberno local cuns espazos públicos de calidade ao servizo da veciñanza de Noia.

Fonte: El Correo Gallego

Comparte